luns, 14 de setembro de 2015

QUERÉMOSVOS DICIR

Os nenos e nenas, despois dun longo verán, queremos dicirvos a vós (mamás, papás, mestras e mestres) que:

-Acabamos de pasar uns meses xeniais, con máis liberdade para xogar, horarios menos marcados, falta de rutinas... Por iso, tende paciencia connosco, porque aínda que volvemos ao colexio moi ilusionados, necesitamos un período de adaptación que nos facilite a volta ás rutinas diarias.

-Durante estes meses vimos menos aos nosos amigos e amigas e, despois de tanto tempo, temos un montón de aventuras que contarnos. Por iso, sede pacientes se non obedecemos ao primeiro aviso de silencio porque, aínda que queremos aprender novos e interesantes coñecementos, todas as historias que vivimos ao longo do verán están desexosas de saír polos nosos beizos e chegar aos oídos amigos.

-O verán é unha época de correr, saltar, bailar, brincar,... O noso aparello motor traballou tanto que a súa activación é máxima e, ao mellor, cústalle un pouco relaxarse para manterse ben sentado tantas horas seguidas. Por iso, perdoade se ao longo da mañá nos levantamos demasiadas veces para ir ao baño, pedirlle a cera a un compañeiro/a ou ir afiar os lápices, precisamos estes pequenos paseos durante uns cantos días para, pouco a pouco, reducir a actividade frenética á que estivo exposto o noso corpo de neno/a.

E, sobre todo, nunca esquezades que somos nenos e nenas e que, como tales, queremos aprender e divertirnos o máximo posible!

Ningún comentario:

Publicar un comentario