xoves, 29 de agosto de 2013

STORYBIRD

Gustaríame falarvos dunha páxina web que para min é moi interesante, polas amplas posibilidades que ofrece para traballar a expresión escrita no nivel que nós desexemos, porque diso se trata, de adaptarnos e de buscar oportunidades para todos.
Estou a falar de Storybird, que como podedes observar ten moito de especial, comezando pola infinidade de imaxes de diferentes temáticas, formas e cores, como tanto nos gusta neste blog.

A través do traballo coas posibilidades que nos ofrece, os peques crearán historias e mergullaranse no fantástico mundo da imaxinación, tomando como punto de partida imaxes elixidas por eles mesmos (ou ao contrario, buscarán imaxes acordes á idea que queren desenvolver).

Como xa dixen, podemos utilizar este recurso para traballar a diferentes niveis. Aquí deixo unha historia que fixen fai un tempo cunha alumna moi especial. É a historia do Coelliño Neve:

El Conejo Nieve

luns, 19 de agosto de 2013

PARA ESPERTAR O CEREBRO

Aquí deixo uns sinxelos consellos para convertir o cerebro e a mente dos máis pequenos (neste caso nenos e nenas menores de 5 anos) nun motor que lles proporcione a enerxía necesaria para levar a cabo todo o abano de actividades que poden e deben realizar (sós ou con axuda):

-Limitar o tempo que ven a televisión (que é un pobre substituto para o seu desenvolvemento motor, os xogos exploratorios e o desenvolvemento das interaccións).
-Fomentar o xogo libre, creativo e inventado.
-Lerlles asiduamente, darlles tempo para que descubran e aprendan por si mesmos, ensinarlles xogos rítmicos.
-Evitar os xogos con baterías ata os 4 anos, para que sexan eles os que teñan que movelos.
-Porporcionarlles xogos moi sinxelos que desperten a súa imaxinación.
-Falar con eles e facerlles preguntas.
-Facilitar que interactúen con xente diferente.
-Explicarlles cómo funcionan as cousas e as máquinas.

Estes consellos foron extraídos do libro El cerebro infantil: la gran oportunidad, de José Antonio Marina.

luns, 12 de agosto de 2013

OS NOSOS DEREITOS

O 20 de novembro de 1989 a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN), na que quedan reflectidas as responsabilidades que governos, nais e pais, mestras e mestres, profesionais da saúde, etc. teñen para garantir que todos os nenos e nenas teñamos unha vida, un crecemento e un desenvolvemento dignos.

Nunca está de máis recordar os nosos dereitos. Aquí vai un diminuto resumo:

-Artigo 1: Os nenos e nenas somos a esperanza do futuro. Por iso ata os 18 anos seguimos sendo nenos e nenas.
-Artigo 2: Aínda que somos diferentes, temos os mesmos dereitos.
-Artigo 3: Dende o momento no que nacemos, todos están obrigados a protexernos para que crezamos sans e felices.
-Artigo 4: Os estados vixiarán para que non nos falte o esencial para vivir dignamente.
-Artigo 5: Cada país debería ser como unha gran familia que protexese os dereitos de nenas e nenos.
-Artigo 6: Todos vixiarán para que cada recén nacido poida crecer nun ambiente seguro e feliz.
-Artigo 7: Temos dereito a un nome, a disfrutar do amor das mamás e papás e a ter unha nacionalidade.
-Artigo 8: Ninguén pode quitarnos as cousas que nos fan sentir seguros e felices.
-Artigo 9: Todos coidarán do neno ou da nena que queda só neste mundo.
-Artigos 10-11: Necesitamos do amor de papá e mamá para ser felices. Por eso estaremos preto dos dous, aínda que eles estean separados.
-Artigo 12: Os nenos e nenas somos libres para expresar a nosa opinión sobre o que queremos e o que non nos gusta.
-Artigo 13: Viva a liberdade de expresión! Temos dereito a comunicarnos e a recibir a información que desexemos.
-Artigo 14: Como somos libres, temos dereito a practicar a relixión e as creencias que desexemos.
-Artigos 15-16: Descubrimos o mundo e divertímosnos con outros nenos e nenas. Aínda que somos pequenos, merecemos un gran respeto.
-Artigos 17-18: Os libros son amigos nosos e necesitámolos para crecer. Cando os nosos pais e as nosas nais traballan, debemos estar debidamente atendidos por persoas responsables.
-Artigos 19-22: Ningún abuso ou maltrato debe magoar a nosa inocencia. Nin un só segundo pode estar unha nena nin un neno abandoado.
-Artigo 23: As nenas e os nenos que máis o precisen, recibirán coidados especiais.
-Artigos 24-25: En caso de enfermidade, proporcionaránsenos os coidados precisos para que volvamos a estar sans e poidamos xogar.
-Artigo 26: Para recuperarse, unha nena ou un neno enfermos precisan de hospitais, medicinas e moito cariño.
-Artigos 27-29: Cando un neno ou unha nena pasa fame e non ten unha casa é difícil crer no futuro. Aprender nos libros e na escola é o único traballo que debemos facer.
-Artigos 30-31: As nenas e nenos cunha lingua distinta á dos demais, teñen dereito a estudala e practicala. E despois do estudo, disfrutaremos do descanso merecido.
-Artigos 32-36: Os únicos traballos que nos están permitidos son estudar, xogar e soñar.
-Artigos 37-38: Cando se encarcela a un neno ou a unha nena, átanse as súas ás. Armas non, nin de xoguete!
-Artigo 39: Os estados están obrigados a prestar unha especial atención ás nenas e nenos que foran maltratados física ou psicoloxicamente, co fin de que volvan ser felices e confiados.

Este resumo foi extraído deste libro:

Nel tamén podemos atopar estes importantes principios!:

Todas as nenas e nenos pedimos agradecidamente que non se esquezan estes dereitos, para nós son moi importantes!


sábado, 10 de agosto de 2013

APRENDER FACENDO

Mirar, aínda que necesario, non é suficiente para aprender. Seguindo un conocido dito "Dimo e esquézoo, ensínamo e recórdoo, involúcrame e apréndoo", para unha exitosa interiorización e posterior xeneralización de aprendizaxes, será imprescindible que nenos e nenas FAGAN, que LEVEN Á PRÁCTICA, que EXPERIMENTEN e que EXPRESEN.

E refírome a calquera tipo de aprendizaxe, dende a máis sinxela ata a máis complexa.

Nun primeiro nivel, amoso cómo traballar conceptos básicos de forma manipulativa:

CHEO BALEIRO:
-Con vasos de plástico transparentes, uns cheos e outros baleiros. Pedir que traia un vaso cheo ou baleiro. Aproveitar para traballar o conteo mediante preguntas como: "cantos cheos hai?" ou "cantos baleiros hai?"
-Con pratos, uns cheos de obxectos e outros baleiros. Seguir as mesmas instruccións que cos vasos.
-O mesmos se pode facer con caixas, bolsas, ou calquera recipiente.
*Podemos engadir un plus de motivación enchéndoos con algo que lle atraia ao neno ou nena (bonecos de animais, lacasitos, globos, etc., para utilizar algo disto como reforzo positivo se realiza correctamente a tarefa).

LONGO CURTO:
-Con liñas debuxadas no chan, colocarse encima da curta ou da longa, ou clasificar lápices segundo o seu tamaño. Tamén podemos traballar a numeración, contando cantas liñas ou lápices de cada tipo hai.
-Con tubos de papel hixiénico e de cociña, elaborar un gusano curto e outro longo. Deste xeito, ao mesmo tempo estaremos traballando a motricidade fina, a través de tarefas como colorear (con rotuladores, cores e/ou pinceis), pegar (para adornar o corpo de gusanos con gomets e/ou outras pegatinas), coser (unindo con lá cada parte do gusano),...

ALTO BAIXO:
-Utilizando bonecos altos e baixos. Poñerán nun lado os altos e noutro os baixos, seguindo as instruccións dadas. Se realizan correctamente a tarefa poderán xogar un tempo con eles.
-Clasificar bonecos de cartulina segundo a súa altura. Aproveitar para traballar o conteo ("dame tres bonecos altos", "ahora dous baixos", etc.).

GRANDE PEQUENO:
-Clasificar libros, figuras xeométricas, ceras, etc. segundo o seu tamaño.
-No patio, recoller follas de árbores, para despois na aula clasificalas segundo o tamaño.

mércores, 7 de agosto de 2013

UN SI Á CONVIVENCIA

Ola nenas e nenos, mamás e papás, mestras e mestres!
Benvidos a este lugar, no que hai cabida para todos. Un lugar para soñar, para rir e para botar a voar a nosa mente. Un lugar habitado por toda clase de cores e ideas, aberto á diversidade.
Aprendamos xuntos! https://www.youtube.com/watch?v=wSEtKviAr9o